Thursday 25 de April de 2024

A Xunta adxudica por máis de dous millóns de euros as conexións exteriores do parque empresarial de Morás, en Arteixo


Actualmente están en execución os traballos de urbanización interior da primeira fase e a explanación de seis plataformas, cun investimento de preto de 4,9 millóns
A empresa pública Xestur Galicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, acaba de adxudicar por un importe de 2.007.862,45 euros as obras das conexións exteriores do parque empresarial de Morás, no Concello de Arteixo. que foron licitadas no pasado mes de xaneiro.

As actuacións, licitadas o pasado mes de xaneiro e cuxa execución vén de ser adxudicada á empresas Acciona Construción S. A., permitirán facilitar o subministro de auga potable ás empresas instaladas no parque e a súa conexión coas redes de saneamento, así como á rede de eliminación de augas pluviais.

Cómpre lembrar que actualmente Xestur está executando xa en Morás as obras de urbanización interior da primeira fase, adxudicadas en decembro do ano pasado por un importe de 3.745.177,27 euros, e as obras de explanación das plataformas denominadas K-01, E-1, E-2, J-2, J-8 e J-10, cuxa adxudicación quedou resolta a comezos do mes de marzo por 1.649.036,00 euros. Ademais, tamén están licitadas as obras de electrificación do parque empresarial, cun orzamento inicial de 1.146.678,95 euros.

Obras rematadas
En Morás xa están rematadas as obras de explanación da plataforma K-3 e o Eixo 0 do parque empresarial, cun investimento de máis de 3,1 millóns de euros, e o acondicionamento da estrada DP-0512 que atravesa o parque empresarial e constitúe un dos seus vieiros, no que se investiron máis de 800.000 euros.

Así mesmo, nesta área empresarial localizada no Concello de Arteixo xa foron adxudicados 105.000 metros cadrados á empresa Aluman e máis de 77.000 metros cadrados a antigos propietarios de solo no ámbito do parque empresarial.